CANDO HAI QUE LEVAR A UN NENO/A AO PODÓLOGO?

O podólogo é o profesional capacitado para comprender as anomalías presentadas nos máis pequenos/as, e así, actuar en consecuencia. Nas consultas, os podólogos teñen todos os instrumentos necesarios para diagnosticar e comprobar se os indicios presentados son alarmantes ou se forman parte da etapa de crecemento.

Falamos con Montserrat Martínez Espiño, vicepresidenta do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia para coñecer a súa opinión en base ao tema presentado.

1. O número de consultas en podoloxía referentes á pediatría é destacado ou debería ser maior?Se ben cada vez é máis frecuente que os pais leven ós nenos ao podólogo, o normal é que o fagan cando detectan algunha anomalía e poucas veces, de maneira preventiva. É aquí onde deberíamos incidir, xa que non sempre os signos que indican que ese pé non se está desenvolvendo como debería son tan evidentes como para chamar a atención dos pais, e sen embargo, detectar isto a tempo pode evitar problemas na idade adulta.

2. Cando se debería levar por primeira vez a un nen@ a unha consulta de podoloxía?

Sempre e cando non se detecten problemas antes, a primeira consulta debería ser entre os 4 e os 5 anos.

3. Nas revisións de atención primaria sóense detectar anomalías ou unha incorrecta forma de camiñar e apoiar nos nenos?

Fanse revisións dos pés nos controis sistemáticos dos nenos polo pediatra pero é certo que o que se mira case sempre é a imaxe da pegada plantar, que na maioría dos casos non é o máis importante. Dicir que o desenvolvemento dun pe é normal ou non o é, atendendo á imaxe da pegada plantar é un erro frecuente. Trátase dunha revisión rutinaria na que habitualmente non se presta atención a moitos aspectos esenciais. E, moitas veces, aínda detectando algún tipo de anomalía, tende a pensarse que se solucionará co crecemento, cando para que isto ocorra, temos que poñer os medios necesarios segundo o tipo de problema e a idade do neno.

4. Cal considera que é a principal razón pola que os pais levan aos seus fillos ao podólogo?

O motivo principal case sempre é porque ven que o seu fillo/a “camiña raro” ou gasta mal o calzado. Poucas veces se acode para pedir consello, por exemplo, polo calzado adecuado, e isto tamén é importante. Deste xeito, ademais das recomendacións xerais, poderíanse dar unhas específicas en función do tipo de pé que o neno presente, a etapa de crecemento na que estea, as actividades que practica, etc.

5. Cal é a importancia de previr alteracións na marcha de maneira temperá?

É esencial detectar alteracións na infancia de maneira temperá para iniciar tratamentos correctores ou preventivos nunha etapa na que poderemos solucionar a maior parte dos problemas. Estes tratamentos poden ser tratamentos ortopodolóxicos personalizados (soletas ou ortesis a medida) ou simplemente exercicios ou reeducación postural.

6. Que tipo de calzado considera que deberían usar os nen@s?

O calzado debe ser o máis flexible posible para os primeiros pasos, contrariamente ao que se pensa. O pé dispón dos mecanismos necesarios que nos aportan estabilidade e resulta contraproducente utilizar calzado ríxido ou botas por encima do nocello nesta etapa. A partir de aí o ideal é que o calzado sexa de forma recta, de pel flexible, punteira ancha e que a parte de atrás, que rodea o talón e que se coñece como o contraforte non sexa nin demasiado ríxido nin demasiado elástico. Ademais debería de ter velcro ou cordón como método de suxeición. Non hai que abusar das botas nin do calzado deportivo e hai que adaptar o calzado ás actividades que o neno realiza. Non podemos permitir que leven, por exemplo, zapatillas de fútbol sala para calquera actividade deportiva porque estean de moda, xa que ese calzado ten unhas características moi concretas para esa actividade que poden prexudicar ao pé cando se lles da outro uso.

7. Cando falamos do primeiro calzado; débese calzar antes de que comece a andar? Supón algún risco?

É un erro calzar ao neno antes de que comece a andar; un calcetín para protexelos das temperaturas é suficiente. Nun bebé, chega máis información sensorial a través dos pés que das mans e isto non ocorre se os calzamos. Deste xeito estariamos prexudicando o desenvolvemento psicomotriz do neno.

8. Un problema que teña orixe na infancia pode supoñer unha maior doenza nun futuro?

Hai que ter en conta que a extremidade inferior no neno ten una aliñación distinta que nunha persoa adulta. Vanse producindo cambios nas distintas idades ata chegar ó que consideramos unha posición normal nun adulto. Se isto non ocorre así, esa incorrecta aliñación sexa no nivel que sexa (pés, tibias, xeonllos, cadeiras…) non se poderá arranxar na idade adulta repercutindo a tódolos niveis e podendo ocasionar problemas óseos e musculares tanto na extremidade inferior como por exemplo a nivel lumbar afectando á nosa calidade de vida.

9. Cales diría que son os principais símbolos que deben alertar aos pais?

Debe chamar a atención dos pais varios aspectos: se ven que o seu fillo camiña distinto ao resto dos nenos, se anda de puntillas ou torce os pés cara fóra ou cara dentro, se gasta moito o calzado, se é torpe e cae con facilidade e se se queixa dalgún tipo de dor ben sexa nos pés, nos xeonllos, nas cadeiras ou incluso nas costas.

10. Enfermidades máis frecuentes dun nen@

Os motivos máis frecuentes de consulta nun neno son: os pés planos, que o neno meta as puntas dos pés cara a dentro, camiñar de puntillas, dor de talóns e de xeonllos en nenos que practican deporte, papilomas ou verrugas plantares, unllas encarnadas ou malas aliñacións dos dedos.